O goberno local buscará a implicación doutras Administracions no apoio a Semana Santa de Ferrol

O Goberno local mantivo hoxe á tarde unha reunión coa Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol na Sala de Alcaldes do Pazo Municipal, que acudiu a cita cunha nutrida representación de  membros da súa xunta directiva. A xuntanza, cordial, fluída e positiva, principiou ás 18:00 e se prolongou por espazo dunha hora e cuarto.

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, expúxolle aos asistentes cal vai ser a política do Goberno local para o presente mandato no tocante as subvencións directas que tradicionalmente se lles proporcionaba desde o Concello de Ferrol, que ascendeu a 75.000 euros no 2015, o que se suman os 40.000 que a Xunta destinaba á promoción do evento como Festa de Interese Turístico Internacional.

“A relación é fluída sen ningún tipo de crispación e o obxectivo é que a Semana Santa do 2016 sexa digna”, manifestou Suárez, ao remate.

“O que si fixemos notar é que a capacidade recadatoria do Concello diminuíu en dous millóns de euros e que son moitas as entidades que viron recortadas as súas subvencións e convenios. Entidades que fan labor, non só de dinamización social, senón sociosanitaria e moi importante durante todo o ano”.

Suárez anticipou que no ánimo do Goberno local está o de tratar de facer un reparto mais xusto e equitativo dos fondos públicos entre todas as entidades culturais e deportivas do municipio que se que tiña por costume en etapas anteriores e que deixaba practicamente afogados e sen recursos a outras entidades de corte social con un traballo continuo e silencioso na asistencia a persoas sen recursos.

O Goberno de Ferrol respalda a organización e o desenvolvemento dun evento relixioso moi enraizado na historia da cidade, como non podía ser doutro xeito xa que se trata dun evento declarado Festa de Interese Turístico Internacional,  e que discorre libremente polas rúas do centro.

Supón, ademais, un imprescindible revulsivo para a economía do municipio, que redunda na creación do emprego e na xeración da riqueza na comarca, ademais de funcionar como escaparate turístico para atraer visitantes, fidelizar a outros e presumir do patrimonio natural da contorna litoral de Ferrolterra.

BUSCAR A IMPLICACIÓN DOUTRAS ADMINISTRACIÓNS NA PROMOCIÓN DO EVENTO

“Buscaremos a implicación de outras Administracións”, anticipou Suárez, co ánimo de que o aporte da subvención no ano vindeiro non proceda exclusivamente das arcas locais. Para iso, avanzou, pedirá a cooperación da Deputación provincial, nunha próxima xuntanza co seu presidente,Valentín González Formoso, este xoves 1, e da Xunta, que como se indicou ten un convenio co Concello de 40.000 euros para a promoción económica do evento que se investiu, por exemplo, en reportaxes integradas nas revistas das páxinas promocionais de compañías aéreas.

“Coidamos que esa partida podería ser perfectamente utilizada polas Confrarías para as súas necesidades e para, desde o Concello, facer promoción da Semana Santa pero que tamén recalque todos os intereses turísticos de Ferrol”.  Ademais do rexedor, na xuntanza tamén estiveron presentes os concelleiros de Facenda, Patrimonio Histórico,Turismo e Servizos e Participación Cidadá, Eugenia Freire, Rosa Méndez, Bruno Díaz Doce e Álvaro Montes.

“Incidir en que a Semana Santa é un acontecemento de relevancia para a cidade e que estamos na procura dun punto de acordo común que sexa satisfactorio para todos”, rematou o alcalde de Ferrol.


Freeman Galicia