O goberno garante que a Semana Santa de Ferrol disporá alomenos de 75.000 euros procedentes das distintas administracións

A enmenda que recollía a postura do goberno fai referencia ao interese de que a Semana Santa continue a ser un motor de promoción turística de Ferrol e de toda a comarca

O goberno local de Ferrol garantiu no pleno municipal que a celebración da Semana Santa de Ferrol disporá, cando menos, de 75.000 euros, procedentes das achegas das distintas administracións, como son o Concello, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia.

Así se recolle na enmenda que presentou o Partido Socialista á moción proposta polo PP. A enmenda contaba co apoio de todo o goberno de FeC e PSOE pero foi rexeitada polo Partido Popular, o BNG e C’s.

A enmenda recolle que “co obxecto da Semana continue a ser un motor de promoción turística de Ferrol e de toda a comarca, e cumprindo os acordos aos que se ten chegado no marco das conversacións mantidas coa Xunta de Cofradías:

1. O Pleno da Corporación insta ao goberno municipal a garantir que a organización da Semana Santa Ferrolá de 2016 disporá, cando menos, de 75.000 euros procedentes das achegas das distintas Administracións, nomeadamente o Concello de Ferrol, a Deputación Provincial da Coruña e a Xunta de Galicia.

2. O pleno da Corporación insta ao goberno municipal a traballar conxuntamente co resto de Administracións para aproveitar as potencialidades da Semana Santa como reclamo turístico, favorecendo a promoción e difusion da totalidade dos recursos turísticos da nosa cidade e do seu entorno, de forma que o cheo absoluto que presenta Ferrol durante estes días contribúa ademáis decisivamente a dar ocupación a todo un sector turístico sostible durante o conxunto do ano”.

A portavoz socialista Beatriz Sestayo lembrou que nas xuntanzas mantidas cos representantes das Cofradías xa se ten garantido que se mantería o apoio á Semana Santa “de xeito inequívoco” e lamentou que outros partidos politicos busquen “a confrontación e a búsqueda da rendabilidade política máis que o apoio á Semana Santa”.

Recoñecendo o “valor patrimonial e histórico da Semana Santa e con independenza das crenzas que poida ter cada quen”, explicou a presentación da enmenda do Partido Socialista dentro dunha vontade clara de “consenso”, posto que melloraba a redacción da elaborada polo Partido Popular.

Beatriz Sestayo lembrou que a aportación do ano pasado da Deputación foi de “cero euros” e centrouse na impresión dunha revista, mentras que dende a Xunta de Galicia firmouse un convenio para a promoción por un importe de 40.000 euros, dos que 24.000 foron destinados a pagar a retransmisión da Semana Santa na television pública galega, a TVG que, en cambio, “emite moitos outros eventos gratuítamente como feiras, mercados e festas”.

A enmenda xurdía do transmitido xa á Xunta de Cofradías como lembrou o alcalde, Jorge Suárez, que manifestou a súa crenza “nos compromisos e nas persoas” e lembrou as “reunions cordiais e con compromisos firmes que xa se mantiveron cos integrantes da Xunta de Cofradías da Semana Santa”.

O edil de Ferrol en Común Jesús Basterrechea instou ademáis ao grupo popular a pedir tamén ao seu partido na Xunta de Galicia que incremente a partida que destina á Semana Santa, atendendo aos criterios que figuraban na moción presentada polo PP, e incidiu en que o goberno local ten entre os seus obxectivos atraer recursos foráneos a Ferrol, e reclamar un maior apoio.

“O que vai facer este goberno é a través dos feitos, vostedes súmense a potenciar recursos turísticos de Ferrol, nós imos apoiar á Semana Santa e se verá”, engadiu Sestayo, que lamentou “o oportunismo e a manipulación sobre unha cuestión na que os termos están claros, garantir que a Semana Santa teña como mínimo 75.000 euros”.

Ante a negativa a apoiar esta enmenda que recolle claramente a postura do goberno, a moción presentada polo PP foi votada en contra, posto que tampouco incluía a solicitude de incremento da partida económica que destina a Xunta de Galicia á celebración da Semana Santa en Ferrol.

Fuente: Gabinete Prensa Concello de Ferrol


Freeman Galicia