O cupon da ONCE do dia 25 adicado a Semana Santa Ferrola

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou esta mañá o cupón da ONCE dedicado á Semana Santa Ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional. Neste acto de presentación, que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial, tamén participaron o conselleiro xeral de cooperación e relacións institucionais e vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán López; e o presidente da Xunta Xeral de Coonfrarías e Irmandades da Semana Santa Ferrolá, César Carreño. Tamén asistiron ao acto a concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga;  o delegado territorial da fundación en Galicia, Manuel Martínez; o presidente do Consello territorial da ONCE en Galicia, Carlos Fernández;  e diferentes representantes da Corporación Municipal e das confrarías da cidade.

O cartel da Semana Santa Ferrolá 2015 é a imaxe de máis de 5 millóns de unidades de cupóns da ONCE correspondentes ao sorteo do vindeiro día 25 de marzo. Ao respecto, Jose Manuel Rey Varela subliñou a importancia que ten esta nova iniciativa para a promoción da cidade e da súa Semana Santa , xa que “a ONCE levará o nome de Ferrol e da súa Semana Santa por toda España e países limítrofes”. Nesta línea, o primeiro edil da cidade incidiu no feito de que unha entidade de tanto prestixio como é a ONCE estea asociada á Semana Santa Ferrolá, xa que “hai marcas que significan moito máis que o que din as súas siglas e, neste caso, cando falamos da ONCE falamos de ilusión e solidariedade. E, por iso, é tan importante que o nome de Ferrol se vincule a través desta iniciativa coa ilusión e a solidariedade que representa a ONCE”, engadiu.

Ademais, o rexedor municipal quixo agradecer o traballo das confrarías porque “son  as que de verdade dan vida na rúa a unha das Semanas Santas máis importantes de España”. E, ao fío disto, apuntou que dende o Concello se está traballando dende diferentes áreas por seguir mellorando este evento que ten o recoñecemento de Interese Turístico Internacional mediante novas iniciativas como é este novo elemento de difusión coa ONCE. “Ferrol volverá vestirse de gala esta Semana Santa e estaremos preparados para transmitir a mellor imaxe da nosa cidade e superar o récord de visitantes que conseguimos o ano pasado”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Fundación ONCE sinalou que “esta é unha contribución modesta, pero moi importante para nos, á Semana Santa Ferrolá”. Así mesmo, felicitou ao Concello de Ferrol e ás confrarías da cidade pola posta en valor deste evento “de gran peso, apoio e arraigo popular”. Ademais, Durán López referiuse á traxectoria da Fundación ONCE e do sorteo do cupón, apuntando que “este anaquiño de papel representa o traballo de 20.000 vendedores que temos en toda España”. O responsable da ONCE tamén salientou que “o día 25 de marzo moitas persoas terán un motivo máis para ir a esta magnífica terra e compartir estes días que son tan importante para a cidade”.

Y por último, o presidente da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa Ferrolá declarou que “é un orgullo ser imaxe dun dos cupóns da ONCE”, ao tempo que salientou a popularidade do mesmo e a labor social e integradora da entidade”.


Freeman Galicia