O alcalde de Ferrol avogou por continuar traballando na mesma dirección que ten convertido a Semana Santa nun referente turístico e económico para a cidade

A Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa Ferrolá, os hostaleiros e os comerciantes coinciden en afirmar que esta Semana Santa superou incluso ao do pasado ano, a primeira que se celebrou co recoñecemento de evento de Interese Turístico Internacional.
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, manifestou hoxe a súa satisfacción pola repercusión e o éxito para a economía local que supuxo a Semana Santa Ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional. “Conseguimos o obxectivo de que un evento tan arraigado na nosa tradición se note na economía local nos ámbitos do turismo, o comercio, a hostelería e a ocupación hoteleira. Este é o modelo a seguir, e temos que seguir traballando na mesma dirección para que entre todos a nosa Semana Santa siga mellorando ano tras ano”, dixo o rexedor municipal. Rey Varela fixo esta mañá balance da recentemente celebrada Semana Santa Ferrolá, acompañado da concelleira de Turismo, María del Carmen García Fraga; o vicepresidente da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades, José Evia Gende; e de representantes das asociacións de comerciantes e hostaleiros do municipio, Cristobal García Nores e Emilio Vázquez Rey, respectivamente.

Rey Varela cualificou de “éxito de todos” os resultados positivos da Semana Santa ferrolá. Neste sentido, referiuse ao traballo conxunto e intenso de apoio a este evento relixioso, cultural e turístico realizado polo Concello de Ferrol, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Xunta Xeral de Confrarías, os hostaleiros, comerciantes e traballadores dos servizos municipais de limpeza, seguridade e turismo que “amosa que unidos podemos facer as cousas ben”, dixo. O primeiro edil da cidade agradeceu especialmente o traballo de Confrarías, cofrades, hosteleiros e comerciantes “porque o mérito é voso, xa que nos como Administración o que fixermos é apoiar en aquelo que solicitades”.

Nesta liña, o alcalde explicou que “mellorar os datos do pasado ano cando celebramos por primeira vez a Semana Santa co recoñecemento internacional era difícil e implicou un esforzo importante, pero os resultados amosan que temos capacidade de crecemento e que estamos preparamos como cidade para albergar un evento de interese turístico internacional como é a nosa Semana Santa”. Rey Varela apuntou que “máis alá das cifras de visitantes e de incidencia económica, tamén é importante medir o que significou esta Semana Santa tendo en conta as impresións particulares dos hosteleiros, comerciantes ou cofrades”. E ao fío disto o rexedor asegurou que “os establecementos e comercios estaban cheos e non había mesas ou sillas libres para atender a máis persoas”.

“Unha Semana Santa para recordar”

Tanto o vicepresidente da Xunta Xeral de Confrarías da Semana Santa de Ferrol, José Evia Gende; como os presidentes da Asociación de Comerciantes de Ferrol – Centro Comercial Aberto da Magdalena e da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrolterra –Cristobal García Nores e Emilio Vázquez Rey, respectivamente- coincidiron en sinalar que esta Semana Santa superou a do pasado ano.

“É unha Semana Santa para recordar e este é o camiño a seguir”, dixo Cristobal García. O presidente da agrupación de comerciantes do centro da cidade valorou os datos positivos como unha oportunidade de optimismo para Ferrol porque “transmitimos unha imaxe positiva da cidade tanto aos visitantes como aos propios ferroláns, o que da ilusión e ganas de seguir traballando”. Pola súa banda, o máximo representante da agrupación de empresarios de hostalería comarca manifestou que “Ferrol quedouse pequeno e a semana fíxose curta polo volume de visitantes que tivemos”.

Plena ocupación de hoteis e prazas das visitas guiadas

A concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga, detallou as cifras de participación no programa de visitas guiadas organizadas polo Concello de Ferrol coincidindo coa Semana Santa; así como a repercusión en ocupación hoteleira que supuxo este evento declarado de Interese Turístico Internacional. A edil ferrolá destacou o 100% de ocupación hoteleira e o esgotamento absoluto de todas as prazas para as visitas guiadas programadas polo Concello durante a Semana de Paixón. Ademais, sinalou que as cifras amosas que as visitas guiadas da Ruta da Construción Naval manteñen o interese, especialmente as teatralizadas á fortaleza ferrolá.

Máis concretamente, a participación nos programas turísticos foi a seguinte:

Total de visitas guiadas: 1.368 persoas. O que supuxo un incremento en torno ao 10% con respecto ao mesmo período de tempo do ano pasado en que o número de persoas que se rexistraron foi de 1.242.
Visitas ao castelo de San Felipe: 2.092 persoas, fronte ás 1.978 do pasado ano, cun incremento do 5,75%.
Visitas teatralizadas ao castelo de San Felipe: 667 persoas fronte ás 491 en 2014.
Visitas guiadas ao Pazo de Capitanía: 100% de prazas cubertas, cun total de 40 visitantes entre os dous pases.
Museo Naval: un incremento do 27% con respecto ao 2014, pasando de 354 a 450 persoas.
Paseos en barco pola ría e desprazamentos en barco até o castelo de San Felipe: 738 persoas.
Museo de Historia Natural: Un total de 405 persoas fronte as 270 do exercicio anterior, o que significa un aumento do 50%.
Centro Social Novacaixagalicia: 1.165 visitantes fronte aos 654 do pasado ano.
Centro Cultural Torrente Ballester: 67 persoas fronte ás 43 de 2014.

A estas cifras hai que engadir as 45.000 persoas que asistiron a Equiocio.

Consultas en oficinas de información turística

García Fraga tamén detallou as consultas que se fixeron nos puntos de información turística da cidade, que este ano contou coa nova oficina municipal da praza de España. Un total de 1.333 persoas pasaron pola Oficina de Turismo de Curuxeiras e da praza de España, cun incremento do 63% con respecto á Semana Santa de 2014 en que se achegaron a estas dependencias 818 turistas.

Así mesmo, das 1.333 persoas que pasaron polos dous puntos de información a visitantes, o 89,65% foron nacionais –Galicia, Madrid, Castela e León, Asturias, Cataluña, País Vasco e Andalucía, por este orde-, e o 10,35% foron estranxeiros, procedentes na súa maior parte de Portugal -24 persoas-, Reino Unido -20 visitantes-, Alemaña -19- e Italia -15-.

A concelleira de Turismo declarou que “houbo un pequeno repunte de turistas españois, concretamente o 3,34% con respecto ao pasado ano”. Ademais, García Fraga destacou o aumento de peregrinos esta Semana Santa, pasando de 100 a 182 persoas. E por último, a edil ferrolá concluíu cun dato falicitado por Egatur, especializado en estudos turísticos, que estima en 114 euros o gasto diario realizado por turista estranxeiro; e algo menos de 100 euros o gasto diario do visitante nacional.

Fonte: Prensa Concello de Ferrol


Freeman Galicia

Los comentarios están cerrados.