A Xunta manterá o 100% do apoio á Semana Santa de Ferrol por constituír un importante reclamo turístico para Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, manteñen unha reunión coas confrarías de Ferrol


O Goberno galego encargarase de cubrir os gastos da promoción turística, como xa fixo nos convenios dos dous últimos anos


Por parte de Turismo de Galicia existe total disposición a seguir colaborando coa promoción turística da Semana Santa ferrolá pola importancia e relevancia que ten na nosa comunidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, mantiveron esta mañá unha reunión coas confrarías da Semana Santa de Ferrol.

Durante o encontro, a Xunta de Galicia afirmou que manterá o 100% do apoio á Semana Santa de Ferrol, igual que nas edicións anteriores. Así, o Goberno galego encargarase de cubrir os gastos da promoción turística, como xa fixo nos convenios dos dous últimos anos. A achega fixada é de 40.000 euros.

A Xunta lembroulles aos representantes das confrarías que o convenio ten por obxecto que os fondos se destinen exclusivamente á “promoción turística”, incluíndose na mesa a difusión nos medios de comunicación.

Nas edicións anteriores, o convenio asinábase co Concello, posto que foi a entidade promotora da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. Neste senso, a Xunta explicou que terá que ser o Concello de Ferrol o que decida se quere que este ano sexan as confrarías as titulares do dito convenio.

Por parte de Turismo de Galicia existe total disposición a seguir colaborando coa promoción turística da Semana Santa ferrolá pola importancia e relevancia que ten na nosa comunidade.

A Semana Santa de Ferrol, que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional desde o ano 2014, é a máis importante das que se celebran en Galicia pola súa calidade, polo número das súas procesións e polos máis de tres mil penitentes pertencentes as súas cinco confrarías que desfilan polas súas rúas.

Fonte: Xunta de Galicia


Freeman Galicia