A Semana Santa Ferrolá deixou ocupacións hoteleiras do cento por cento e prazas esgotadas nas rutas e programas turísticos do Concello

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, fixo esta mañá un primeiro balance provisional das repercusións da Semana Santa Ferrolá, que este ano celebrou a súa segunda edición co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional. Rey Varela cualificou de “éxito de todos” os resultados positivos desta edición, agradecendo o traballo conxunto de ferroláns, Xunta de Confrarías, cofrades, hostaleiros, hoteleiros, comerciantes, corpos de seguridade e servizos municipais.

Así as cousas, o primeiro edil da cidade apuntou dous datos obxectivos para valorar a gran importancia que ten para a cidade este evento dende o punto de vista turístico e para a economía local. O primeiro: o cheo absoluto de ocupación hoteleira e as prazas completas para a participación nos diferentes produtos turísticos ofertados polo Concello. “A ocupación hoteleira incrementouse nun 5% con respecto ao pasado ano até acadar o cento por cento, ao igual que as rutas e produtos turísticos ofertados polo Concello que viron aumentada a súa actividade nun 6,48% até esgotar as prazas en todas as visitas organizadas”, engadiu o alcalde. Entre a ampla oferta turística para a Semana Santa de Ferrol atopábase a Ruta da Construcción Naval, as visitas guiadas e teatralizadas ao castelo de San Felipe, as visitas guiadas ao Pazo de Capitanía ou os paseos en barco pola ría.

Outro dato que indicou o rexedor municipal e que corrobora o éxito desta Semana Santa foi o incremento nun 63%, con respecto ao ano pasado das persoas que foron atendidas nos diferentes puntos de información turística da cidade. Así as cousas, o alcalde apuntou unha primera cifra provisional de visitantes na cidade durantes estos días: 300.000 persoas.

Horario da oficina de Turismo da praza de España

Por outra bada, a Concellería de Turismo, que dirixe María del Carmen García Fraga, amplía o horario de atención da nova oficina municipal de Turismo da praza de España. Así, a partir de hoxe, as consultas poderán realizarse de luns a domingo en horario de 10.00 a 14.00, e de 16:30 a 20:30 horas.

Fonte: Gabinete Prensa Concello de Ferrol


Freeman Galicia

Los comentarios están cerrados.