A estas alturas y a vueltas con la subvención

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol esixiu esta mañá ao Goberno de Suárez que faga público a contía exacta que vai conceder de subvención municipal á Semana Santa, logo das informacións que a sitúan en 55.000 euros repartidos en dous convenios diferentes. Así mesmo, censurou «a escasa utilización da lingua galega en toda a publicidade deste evento financiado con cartos públicos».

«Descoñecemos os criterios fixados polo goberno municipal de Ferrol á hora de financiar este evento nin o importe total desta subvención. Ao mesmo tempo que se anuncia que o convenio nominativo entre o concello de Ferrol e a Xunta Xeral de Confrarías fica en 35.000 euros, desde esta última entidade anúnciase que o alcalde comprometeu un gasto, a maiores, de 20.000€ das arcas municipais», sinalou a conselleira nacionalista Eva Espiñeira, quen denunciou que «o actual goberno está a empregar a prórroga dos orzamentos como mecanismo para non dar conta dos convenios que está a desenvolver a través de subvencións nominativas e deste xeito evitar o seu debate no pleno do concello».

A Concelleira do BNG tamén manifestou no transcurso da comisión de participación cidadá e normalización lingüística desta mañá que «a propaganda, a publicidade e os actos que se celebran en torno á Semana Santa en Ferrol exclúen o galego, a pesar de ser un importante foco de atracción turístico e estaren financiados con fondos públicos».

A respecto, a nacionalista defendeu e esixiu ao goberno local «que se comprometa dunha vez coa normalización do galego na nosa cidade», pedindo así dar «visibilidade e que se empregue o galego na publicidade deste evento e nas actividades turísticas para favorecer a súa normalización. Nos anos anteriores a presenza do galego na Semana Santa era xa moi reducida, pero neste ano é case inexistente. As consecuencias deste tipo de comportamentos supoñen un atraso máis no proceso de facer normal o uso da nosa lingua na nosa cidade», lamentou a concelleira.

Deste modo, o BNG esixe ao goberno que «abandone o uso ritual do galego en determinados lugares e asuma un compromiso real coa nosa lingua, comezando polos propios membros do actual goberno nos seus labores como concelleiros e concelleiras».

Fuente: Galicia Artabra Digital


Freeman Galicia